Homenaxe aos Míticos Loitadores das Seleccións de Galicia
Xuño 3, 2009 – 12:45 pm
Unha parte da historia da loita galega deuse cita o Sábado 30 para recordar o inicio do que foi este deporte na nosa terra. Como convidados de honra o Ilmo. Sr. Presidente da FELOYDA D. Angel López Rojo e D. Francisco Iglesias Serna o seu director técnico que xunto con Alfredo Marcuño deron mostra da madeira coa que están feitos os verdadeiros loitadores.
Entre os 3 suman máis de 10 Xogos Olímpicos, e de non lermos a súa bibliografía non coñeceríamos dos seus logros. Xente humilde, sincera e traballadora que estivo no máis alto coma deportistas e agora verten a súa sabeduría, esforzo e entusiasmo nas novas xeracións.
Fumos moitos os que nesta xuntanza puidemos porlle cara aos nomes que tantas veces protagonizaban as grandes xestas deportivas, pero son aqueles que nunca se foron, os que seguen a traballar por este deporte os que deixarán unha fonda marca no lombo da historia por seren o pilar do presente e futuro da loita.
D. Rubén Campos Colmenero, falecido no 2007, foi o gran homenaxeado da noite na que o seu fillo Rubén e a súa muller Pilar viviron o aprecio e o cariño que este deporte dispensa ao que fora 3º presidente da FGLeDA.
Sempre compre termos presente aos que comezaron o camiño que agora percorremos, xa que de non saberes de onde vimos non saberemos a onde ir. (a D. Rubén Campos Colmenero)


